3-Iron
o amor en silencio é unha das cousas máis prezadas da experiencia humana, das máis delicadas e complexas que podes experimentar. Son as palabras as que transmiten aos demais o que pensan dous amantes, e sen elas non somos máis que ollos alleos entrevendo a magnitude dun universo que non comprendemos.
a relación entre tae-suk e sun-hwa está tratada con tanto agarimo e tacto, dunha forma tan orgánica e preciosa, que podo dicir con certeza que poucas peliculas na vida conmoveronme do xeito que me conmoveu esta. Pero isto non se debe tan só á parte do desenvolvemento das dinámicas, senón á unicidade do concepto que da lugar á trama: saltar de casa baleira en casa baleira por necesidade, visitando espazos prohibidos en vidas segredas, fragmentos das almas dos habitantes, sempre un intruso nunha sociedade que te considera paria. Os espazos case liminais da película transmiten ao mesmo tempo sensacións de desasosiego e de tranquilidade, nun estilo de vida nómada e xenerosa coas cousas dos demais que lle da ao personaxe de tae-suk unhas propiedades dogmáticas moi interesantes.
e o silencio, o silencio do que falabamos antes, que barbaridade é que nesta película as palabras sexan meros accesorios da imaxe, con que mestría lograse transmitir, que bonitos planos, que cinematografía… a falta de palabras aumenta a importancia dos momentos calados, pero tamén confírenlle máis valor a cada son, a cada verba. axudan tamén ao aura misteriosa, estrana, supernatural que ten esta película. tanto que non dan, tanto escondido a simple vista, tanto co que sentarse e deixar madurar… en menos de 90 minutos esta cinta fai tanto, di tanto, sen dicir nada