Persona
review curta e graciosa:
5 estrelas só porque a miña nai pasou por diante mentres vía esta peli e dixo "foder cada vez entendo menos o inglés". Case cae pra o chan rindo cando lle dixen que era sueco
review seria larga que non ides ler:
Bergman atrévese a todo en persona, non deixa nada na recámara, desnúdase da forma máis técnica e quirúrxica que hai, pero á vez cun grao de intimismo sobrecoxedor. Non só consegue adaptar complicados conceptos da psicoloxía de jung (e facerme lelos despois, que xa é bastante), dunha forma compacta e veraz; senón que combina esta teoría da personalidade cos seus propios medos acerca do ser, da morte e da natureza da alma, chegando a unha tesis nova e persoal, algo que só el pode contar, e que só el pode executar a tan alto nivel.
Todo nesta cinta é do máis alto nivel, recargado de intensidade e de simbolismo. Paréceme imposible atopar un fotograma deste filme que non sexa dunha beleza absurda. A cinematografía de Sven Nykvist casa perfectamente co estilo de Bergman, e crean algo único. O contraste saturado entre luces e sombras reforza ás ideas de dualidade, os primeiros planos das caras son incómodos, tan íntimos que asustan, intensos (todo nesta película o é). O máis importante desta película é a iluminación, xoga moito Bergman coas caras medio escurecidas, cos planos mantenidos que se van apagando, sempre un pouco máis longos do que esperas, amasando unha tensión aterradora.
Liv Ullman e Bibi Anderson fan un moi bo traballo controlando esa tensión, e a súa dinámica e a natureza do papel permite a indulxencia de considerar as súas actuacións como unha conxunta, e considerar esta amalgama actoril como unha das mellores interpretacións da historia do cine. As pequenas fisuras na expresión, as miradas, os xestos lentos e calculados... hai unha forza implacable nas accións máis simples, unha grandilocuencia teatral que consegue facer xustiza á grandeza do filme. Marabilloso.
Tamén é de aprezar a marabillosa banda sonora experimental de Lars Johan Werle, que marida coa película e as súas idiosincrasias de forma perfecta, sorprendendo e guiando a través da historia coma se dunha estrana sonata se tratase. Gustáronme moito os montaxes do principio e do final, Bergman estaba completamente demente, e grazas a deus, xa que debido a iso temos unha das pezas máis influenciais e complexas da historia do cine, e unha das máis belas tamén.