Yi Yi
Véxome obrigado a rescatar o termo de “obra total” para describir (ou comezar a facelo) o que é esta película. A maioría das persoas que ven Yi Yi acaban o filme cunha conclusión similar: esta película “vai de todo”. Ista terminoloxía tan imprecisa non é un episodio de pereza colectiva, senón a máis sinceira admiración ante unha das películas máis masivas e cheas de humanidade que xamais foron concebidas.
Eternamente ambicioso en ideais e alcance, pero tamén fortemente atada á simplicidade como estilo de vida e de narración, Edward Yang impón unha densidade, unha profundidade, moi sibilina, moi agochada, que fai que esta película non sexa unha película, que escape os confíns da pantalla e sexa algo máis, máis real, maior, máis complicado do ca súa cáscara desenfadada. É imposible aprezar todo o que Yi Yi ofrece como obra artística nun só visionado, a súa creatividade e o seu mensaxe escápase en cada pestanexo.
A pesares disto, non puiden evitar rematar sobrecollido tras finalizar a película. Adoro os dramas familiares, xa que pra min a familia é o núcleo cultural máis importante da humanidade, e ofrece sempre un espazo para o análise do individuo e do colectivo precioso. Adoro tamén cando unha película ten un reparto coral con protagonistas representantes de todos os grupos de idade para así englobar a totalidade dunha experiencia vital (etjem etjem Magnolia). Adoro as películas con esa melancolía tórrida dun desamor de verán. Adoro todo o que é esta película.
A fotografía representa moitas cousas nesta película: a mestura indiscernible entre o individuo e a urbe, unha ferramenta de amosar as cousas que non vemos, o misticismo da natureza, a intimidade cotiá da vivenda. Tang-Tang e a súa curiosidade ontolóxica e artística son a perfecta personificación do espírito deste filme: unhas gañas inocentes de descubrir e sentir con todo por diante.
Aparte do meniño con ganas de descubrir o que os demais non saben e amosalo (non é acaso o propósito de todo artista), todos os particulares membros desta familia son tremendamente humanos e resulta moi facil identificarse cos seus problemas: culpa, nostalxia, duelo, mala sorte… todas as desventuras están aí. E ainda así o bo, o amor, a amizade, a memoria e a vida perseveran. Cada persoa aquí é un momento de plenitude de experiencias, unha explosion de ser.
Non creo que haxa mellor forma de falar desta película que como unha explosion de ser. Ademais estou ceando no altamira e a zorza precisa da miña atención. Mirade esta peli, bicos!!